O Certame Literario do Concello de Vilalba cumpre 40 anos

O prazo de admisión remata o 18 de xullo e o fallo do xurado darase a coñecer o 25 de agosto. Posteriormente, o 30 de agosto farase entrega dos premios durante os actos de apertura das festas de San Ramón e Santa María 2014.

 

O Concello de Vilalba a través da área de Cultura ven de publicar, un ano máis, as bases dunha nova edición do Concurso Literario co obxectivo de estimular a creación poética.

 

O certame, que cumpre corenta anos, reparte catro mil euros en premios: tres mil para o primeiro clasificado e mil para o segundo; aínda que tamén se poderán conceder accésits sen compensación económica. Este Concurso Literario acolle a participación de tódolos autores que o desexen, sempre que a obra estea escrita en lingua galega. Os poemas, que poden contar con tema libre e cunha extensión mínima de 500 versos, deberán ser orixinais e inéditos, ademais de non seren premiados noutros certames antes do fallo do xurado, xa que pode ser motivo de anulación do premio non cumprir esta condición.

 

Admisión das obras

Os traballos deberán presentarse no Concello de Vilalba ata o 18 de xullo nun sobre pechado acompañados do lema de distinción do traballo, os datos persoais do autor ou autora, o seu enderezo, teléfono e biografía, así coma dunha declaración formal de que a obra é inédita.

 

Fallo do xurado

O fallo do xurado, composto por persoal de prestixio no ámbito literario, darase a coñecer o 25 de agosto a través dos medios de comunicación. Os premiados deberán asistir persoalmente á entrega de premios que terá lugar en Vilalba o 30 de agosto, coincidindo co comezo das festas de San Ramón e Santa María 2014.