Antigo e señorial, así é o municipio vilalbés, cun rico patrimonio cultural que evidencia a personalidade histórica destas terras. Desde o Paleolítico ate os nosos días, castros, igrexas ou pazos foron levantados por estes lares, testemuñas dun devir do tempo cargado de lendas e historias.
Se algo é coñecido en Vilalba, aparte dos capóns, é a Torre dos Andrade, hogano parador turístico e, dende o século XV, sempiterna testemuña do devir da vila. A actual construción é o resto que se conserva dun castelo sucesor doutra fortaleza de principios do século XIV, época do rei Fernando IV de Castela (1285-1312).