O acto de publicidade ao fallo do xurado, tamén serviu para presentar as obras gañadoras da pasada edición do certame editadas por Alvarellos.
Xosé Otero Canto e María Xosé Lamas Fernández fanse cos premios do XLII Certame Literario convocado polo Concello de Vilalba. Así o recolle a acta do xurado que sinala como obra gañadora do primeiro premio ao poemario “Telúrica” e do segundo premio a “Sonetos Preposicionais” presentado co lema “Un anaco de vida en catorce versos”.
Tralo fallo do xurado -integrado polo concelleiro de Cultura, José Antonio Pita, coma presidente; o director da RAE, Darío Villanueva; a xefa territorial de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta en Lugo, María Carmen Gueimunde; o director do grupo Radio Principal, Fidel Fernán; e o xornalista Xulio Xiz que actúa como secretario-, os premios serán entregados o domingo 28 de agosto despois das oito menos cuarto do serán no auditorio municipal Carmen Estévez.
Como é habitual, o día anterior ao San Ramón será a data na que Xosé Otero Canto, de Lugo, reciba os 3.000 euros dos que se dota ao primeiro premio xunto a un diploma e unha flor natural; mentres que á vilalbesa María Xosé Lamas Fernández, lle farán entrega de 1.000 euros, diploma e flor natural.
O fallo do xurado facíase público nun acto celebrado o luns 22 de agosto na Casa da Cultura coincidindo coa presentación das obras premiadas na pasada edición editadas por Alvarellos coa colaboración do Concello e a Deputación Provincial: “Adagio por Outono", de Modesto Fraga, e “Poemas de Ruxido e Barruzo”, de Paulino Pereiro.